STARlette Boletín nº 2 de STAR Servicios Lingüísticos, S.L.


Se desexa recibir este boletín nunha das linguas dispoñibles, pulse no idioma para enviarnos unha mensaxe: español, catalán, galego ou basco. Se non desexa recibir de novo este boletín, envíenos unha mensaxe coa palabra clave: borrar.

Editorial


    T
rala la boa acollida do lanzamento de STARlette, boletín gratuíto e trimestral, pioneiro na súa especie escrito nas catro linguas oficiais do Estado Español e adicado ó mundo das novas tecnoloxías aplicadas á traducción e á terminoloxía técnica, temos o pracer de facerlles chegar STARlette nº 2. Seguindo a política de difundir información interesante do mundo da DTM, eventos importantes e novas que sexan de utilidade para profesionais da lingua seleccionamos para vostedes un proxecto internacional impulsado pola UNESCO (LINGUAPAX) que promove a cultura da paz a través da educación plurilingüe. A recente constitución da Asociación Catalana de Terminología (ACATERM), que nace como resultado da necesidade de unir esforzos entre entidades públicas e privadas implicadas na xestión de terminoloxía en tódalas súas facetas, é motivo de ledicia. Dende aquí felicitamos a iniciativa que, sen dúbida, favorecerá a normalización da lingua catalana.
      Por último, anunciamos os nosos próximos cursos de formación técnica para traductores, cun temario e horarios configurados segundo as propostas dos nosos lectores.


      A aplicación sistemática nos cursos de formación técnica do noso lema: humanizamos a técnica, tecnificamos as humanidades, é o resultado da observación das necesidades do mercado mundial no ámbito profesional e resultado tamén da convencemento de que só dende unha visión holística podemos cumprir as expectativas que esixe o desenvolvemento cualitativo. Unha concepción holística do mundo aposta pola integración entre os diferentes campos do coñecemento humano tanto das ciencias coma das humanidades, xa que estes ámbitos, en troques de se contrapoñer, compleméntanse.
 
    Comité de redacción:

A nosa publicación, que ten un carácter absolutamente divulgativo, admite suxestións e críticas dos nosos lectores co obxectivo de mellorar en consecuencia a calidade de cada número. Para información ou propostas relacionadas co boletín envíe a súa mensaxe a starlette@star-group.net.


Congreso Mundial sobre Políticas Lingüísticas

     LINGUAPAX é un proxecto internacional impulsado pola UNESCO que promove a cultura da paz a través da educación plurilingüe, a protección do patrimonio lingüístico e o asesoramento ós estados en temas de política lingüística. Esta organización coa colaboración da Dirección General de Política Lingüística de la Generalitat de Catalunya, convidou a


investigadores, axentes sociais, responsables políticos e tódalas persoas que traballan no fomento e emprego das linguas a participar nas conferencias, obradoiros e debates que terán lugar no marco deste Congreso mundial que se celebrará entre o 16 e 20 de abril do 2002. Para máis información sobre este congreso faga clic aquí.

Como axudan as novas tecnoloxías a protexer as linguas minoritarias

STAR Servicios Lingüísticos foi unha das empresas seleccionadas polo comité científico do congreso para presentar a súa ponencia. O título desta sección é o tema escollido e a súa exposición terá lugar no Obradoiro 5 onde se tratarán temas relacionados con: as novas tecnoloxías da información e as linguas de demografía pequena e mediana; o reto das novas tecnoloxías e a producción de recursos lingüísticos para a promoción da diversidade lingüística e da cultura da paz. A continuación presentamos un extracto da nosa ponencia:


     As linguas maioritarias, coma o inglés, español, francés e alemán entre outras, son os idiomas oficiais dos países protagonistas da globalización. Os obxectivos do progreso comunitario e rentabilidade económica impulsaron os investimentos na investigación e desenvolvemento das novas tecnoloxías para xestionar información, convertendo a estas linguas no principal instrumento de intercambio de información nas sociedades modernas.
     As linguas minoritarias non tiveron a mesma sorte e quedaron nun segundo plano, poñendo en perigo a conservación do seu valioso patrimonio lingüístico. Varios aspectos influíron nesta situación, a nosa exposición describe dous deles: o factor económico e a escasa difusión destas linguas a través de Internet.
     Moitas linguas minoritarias posúen un número de falantes considerablemente inferior ó que posúen as maioritarias e teñen que coexistir con estas dentro dunha mesma rexión xeográfica. A oficialidade e o emprego xeneralizado da lingua maioritaria reducen de xeito significativo a demanda de información na lingua minoritaria. Por esta razón a súa inclusión na actividade comercial e social da rexión está limitada. Isto provocou que a industria da localización considere pouco rentables a estas linguas e que o investimento en tecnoloxía para o desenvolvemento das ferramentas lingüísticas aplicables a elas sexa reducido.


     A través da Rede circula un grande volume de información creada empregando as linguas maioritarias. É moi doado realizar buscas e atopar información en idiomas coma o inglés, o español, etc. Isto é posible gracias á sistematización das clasificacións dos descriptores e palabras claves en bases de datos multilingües. A ausencia destas bases de datos nas linguas minoritarias, así coma a aplicación da tecnoloxía para xestionalas convértese nun reto e nunha necesidade urxente de resolver.
     Con este panorama cómpre involucrarse na tarefa de buscar solucións e ademais comprender que a globalización tecnolóxica non debe ir en detrimento das linguas minoritarias, senón pola contra, debe favorecer a súa protección, integración e difusión dentro do esquema global. Moito traballo xa está feito e o investimento no desenvolvemento e implantación das ferramentas tecnolóxicas será mínima, a súa reutilización será o punto clave.
     Exemplos prácticos do contraste entre dúas linguas coma o quichua (quechua) e o catalán xunto coa descripción e aplicación de ferramentas informáticas coma: bases de datos terminolóxicas (TermStar e WebTerm) e sistemas de traducción asistida por ordenador (TAO) coma Transit , serán útiles para demostrar como o emprego de aplicacións e tecnoloxía pódense converter no instrumento ideal para o rescate das linguas minoritarias.


Formación técnica

      
    A formación en coñecementos técnicos estase a converter nun requisito para os profesionais da traducción, xa ben sexan traductores, correctores ou xestores de proxectos. Un claro exemplo disto é a localización. No eido da traducción de software e documentación relacionada hai xa varios anos que as empresas de traducción se ocuparon de xeito especial da formación técnica dos seus colaboradores, procedentes de disciplinas da área das humanidades; hoxe sería impensable traducir un texto destas características sen saber nada de informática. Nembargantes, noutras áreas de coñecemento non se concedeu suficiente importancia a este factor, que en STAR Servicios Lingüísticos consideramos fundamental na producción da documentación técnica.
     Na anterior edición do noso Boletín informabamos sobre a primeira edición dos Cursos de formación técnica para traductores. Os temas tratados foron Automoción para traductores e Enxeñería para traductores, que se volverán realizar de forma intensiva.
      A nova oferta de formación técnica de STAR Servicios Lingüísticos trata, ademais, de temas relacionados directamente coa última revolución tecnolóxica, as Tecnoloxías da información: Informática para traductores e Telecomunicacións.
Debido á grande cantidade de peticións e ó salientable éxito da primeira edición dos cursos, decidimos adaptar o horario e as datas dos novos cursos de formación de forma intensiva para que todo o que estea interesado poida participar nos mesmos.


      As datas e o horario previstos para os novos cursos son:
   - Do 22 ó 25 de abril: 10.00 – 12.00 e    12.30 – 14.30 Informática.
   - Do 13 ó 14 de maio: 10.00 – 14.00 e    15.00 – 19.00 Telecomunicacións.

      O temario dos novos cursos é o seguinte, aínda que se pode producir algunha variación:

      INFORMÁTICA

      1. Conceptos fundamentais.

      2. Ordenadores e os seus compoñentes.

      3. Redes de ordenadores.

      4. Sistemas operativos.

      5. Bases de datos.

      6. Ferramentas e métodos no traballo       do traductor (FTP, scripts, Perl...).

 

      TELECOMUNICACIÓNS

      1. Introducción.

      2. Infraestructuras.

      3. Tecnoloxías.

      4. Servicios.

      5. Lexislación e mercados.

      6. A traducción de textos       especializados sobre       telecomunicacións.

      7. O traductor e o mercado das TC.

      8. Exercicios prácticos.
 
      A reedición dos cursos anteriores terá lugar nas datas seguintes:
   - Do 21 ó 24 de maio: 9.30 – 15.00    Automoción para traductores.
   - Do 4 ó 7 de xuño: 9.30 – 15.00    Enxeñería para traductores.

      Para facer a inscrición nos cursos e para recibir máis información sobre o temario, datas e precios dos cursos, póñanse en contacto con jesus.sayols@star-group.net.


Fundación de ACATERM

    
Constitución da Associació Catalana de Terminologia (ACATERM)
 
      O 15 de febreiro tivo lugar a asemblea constituínte da Associació Catalana de Terminologia (ACATERM). Trala aprobación dos estatutos e a elección da primeira xunta directiva, ACATERM inicia cos seguintes obxectivos:

1. Favorecer a difusión da terminoloxía en lingua catalana nos ámbitos científicos e técnicos.
2. Constituír unha plataforma para a promoción do recoñecemento e a profesionalización do ámbito da terminoloxía.
3. Promover a provisión e o intercambio de información sobre as actividades terminolóxicas entre as persoas usuarias e profesionais da terminoloxía.
4. Establecer relacións con outras organizacións, asociacións e institucións con finalidades semellantes.

 


 
      A sede de ACATERM estará situada no Institut d'Estudis Catalans, e a xunta directiva está composta por:

Presidente: Salvador Reguant (Universitat de Barcelona).
Vicepresidenta: Mercè Lorente (IULA, Universitat Pompeu Fabra).
Secretaria: Ester Bonet (UFEC).
Administradora: Montserrat Casabó (CPNL).
Vocais: Lidia Cámara de la Fuente (STAR Servicios Lingüísticos, S.L.), Sílvia Llovera (Universitat Politécnica de Catalunya), Bartomeu Prior (Universitat Jaume I) e Joan Vilarnau (Universitat Autónoma Barcelona).

STAR Servicios Lingüísticos S.L.
Traducido por: María Tola Sotelo