STAR Servicios Lingüísticos, S.L.  
STARlette Boletín nº 5 de STAR Servicios Lingüísticos, S.L.

Editorial Formación tecom Congresos

Se desexa recibir este boletín nalgunha das linguas dispoñibles, prema no idioma para nos enviar unha mensaxe: español, catalán, galego ou éuscaro.
Se non desexa volver recibir este boletín, envíenos unha mensaxe coa palabra chave: borrar, e o seu enderezo de correo electrónico será eliminado da base de datos de STAR Servicios Lingüísticos. Se está interesado en obter máis información ó respecto, consulte o noso comunicado sobre a nova LSSI-CE.
 
Se desexa que se publique algunha información relacionada coas tecnoloxías aplicadas á traducción e á terminoloxía técnica que sexa de utilidade para profesionais da lingua, traductores, terminólogos, xestores de proxectos, administradores de axencias ou departamentos de traducción, redactores técnicos, profesores, estudiantes, etc., envíe unha mensaxe a lidia.camara@star-group.net.

Moi breves 

Novo sitio web multilingüe
Publicouse unha nova versión da páxina de STAR Servicios Lingüísticos, S.L.
Nesta páxina encontrará información actualizada sobre ofertas de traballo, cursos especializados e documentación relacionada cos sistemas de software aplicados ós contornos de traducción.

Novo Service Pack para Transit XV e TermStar XV
Comprácenos comunicarlle que xa ten á súa disposición no noso servidor FTP o Service Pack 6 e os arquivos de axuda en liña en catalán e francés. Tamén están dispoñibles os últimos plug-ins de QuarkXpress para Windows e para Macintosh. Para máis información: STAR Language Technology & Solutions.

Editorial

    Dende que a Xestión do coñecemento foi incorporada como materia en moitos estudios relacionados coa administración e dirección de empresas, o termo acadou interesantes cotas de popularidade, de tal xeito que mesmo podería facer pensar que se trata de algo novo.
    Nembargantes, se consideramos que a xestión do coñecemento é un concepto que engloba a xeración, a adquisición (termo tamén coñecido como xestión da aprendizaxe) e a transferencia de saber, é obvio inferir que as tarefas implicadas na xestión do coñecemento non son procedementos recentes.
    Neste sentido, convócase por vez primeira un diploma de posgrao en xestión automatizada do coñecemento; dáse conta desta actividade na sección Formación.
    Neste número tamén lles falamos dunha asociación de redactores técnicos adicada en grande medida ó fomento da xestión, concretamente, da representación do coñecemento de tipo técnico.


    Finalmente, no apartado Congresos e simposios, seleccionamos a información do primeiro congreso internacional de Internet e linguaxe.

    Comité de redacción:


Novos cursos académicos

Xestión automatizada do coñecemento científico-técnico multilingüe

     O IULA e STAR Servicios Lingüísticos convocan o primeiro diploma de posgrao sobre Xestión automatizada do coñecemento científico-técnico multilingüe.
    Estes estudios van dirixidos a estudiantes e profesionais que empregan máis dunha lingua no seu contorno académico e laboral e que teñen interese en formarse nas tecnoloxías aplicadas á xeración, transformación e difusión de información especializada multilingüe.
    Os obxectivos do programa son ofrecer unha formación centrada en tres eixos:

  • A adquisición do coñecemento científico-técnico coa finalidade de adquirir competencia temática para a traducción, a redacción técnica, a terminografía, a xestión da documentación, a interpretación e a edición de textos especializados.
  • A producción, representación e organización do coñecemento especializado en bases de datos e sistemas de xestión da información.
  • O emprego da tecnoloxía da información para optimizar a xestión do coñecemento especializado.


    Tanto o diploma como cada un dos seus módulos e cursos están orientados á práctica. Pretenden dotar os participantes de recursos e habilidades que amplíen as súas necesidades de práctica laboral e que complementen a súa formación.

    O diploma está dirixido por M. Teresa Cabré, directora do Institut Universitari de Lingüística Aplicada, e Michael Scholand, director de STAR Servicios Lingüísticos e licenciado en Traducción.

    A coordinación do programa está a cargo de Rosa Estopa, coordinadora da área de doutoramento e posgraos do IULA, doutora en Lingüística aplicada, e Lidia Cámara, directora de Formación e Investigación de STAR Servicios Lingüísticos.


    Para recibir máis información acerca do temario, datas e prezos dos cursos, pódese visitar a páxina web do posgrao.


As nosas palabras noutras palabras: novas propostas nos estudios sobre léxico

    Durante os días 14 e 15 de novembro e 12 e 13 de decembro do 2003, o departamento de Traducción e Interpretación da Universidad de Salamanca acollerá un curso extraordinario sobre léxico, traducción e enxeñería lingüística. O seu obxectivo é que traductores, lingüistas e filólogos reflexionen sobre o valor do léxico e as súas aplicacións.
    O curso é impartido por profesionais e profesores de lexicografía, traducción, terminoloxía, informática, documentación e enxeñería lingüística.
    O curso extraordinario está dividido en seminarios de diferente temática.

    

  • José A. Merlo: Léxico e documentación
  • Mª Teresa Fuentes e Jesús Torres: Léxico e córpora lingüísticos
  • Joaquín García Palacios: Léxico xeral e léxico de especialidade
  • Mª Teresa Fuentes Morán: Léxico e diccionarios
  • Jesús Torres del Rey: Entretecendo palabras. Tratamento de textos dixitais
  • Lidia Cámara: Enxeñería terminolóxica aplicada en contornos de traducción e de xestión
    do coñecemento
  • Irma Caraballo Martínez: Léxico e variación

Para máis información, pódese consultar o programa de actividades.

Asociación para a Comunicación Técnica: tecom

     A Asociación para la Comunicación Técnica, tecom, foi fundada en maio do 2001 como un grupo rexional da asociación para a comunicación técnica en Alemaña. tecom é unha asociación sen ánimo de lucro que ten o obxectivo de fomentar no Estado español a comunicación técnica a través do intercambio de experiencias entre os seus membros e o ensino e formación continua de redactores, maquetadores e traductores técnicos.
    Entre os socios fundadores de tecom figuran membros de pequenas e medianas empresas de servicios (traducción e documentación técnica), construcción de maquinaria, automoción, así como representantes da Deustuko Unibertsitatea, entre outros.
    tecom participa no proxecto TecDoc-Net incluído no programa Leonardo da Unión Europea. No marco deste proxecto creouse TC Europe, unha rede


europea de asociacións da comunicación técnica que promove a homoxeneización da documentación técnica nos países participantes co fin de optimizar a transferencia de coñecemento técnico.
    tecom tamén dispón da súa propia revista, La Comunicación Técnica; a súa difusión está resultando esencial para a captación de novos membros. LTC inclúe novas acerca dos proxectos nos que se está participando, artigos sobre temas actuais da comunicación técnica e suxestións dos seus propios lectores. Conta xa con 5 edicións, todas elas dispoñibles en formato PDF na páxina web de tecom.

    Se desexa recibir máis información acerca de tecom e as novas edicións de LTC, pode dirixirse a info@tecom-es.org.


Congresos e simposios

IV Simposio e Escola de verán de Terminoloxía no IULA (UPF)

    O grupo de investigación de léxico, terminoloxía e discurso especializado IULATERM do Institut Universitari de Lingüística Aplicada da Universitat Pompeu Fabra celebrou este mes de xullo a cuarta edición das actividades de verán, formadas pola IV Escola Internacional de Verán de Terminoloxía e polo IV Simposio Internacional de Verán de Terminoloxía, este último co tema "Obxectividade científica e linguaxe: as ciencias da saúde". Os participantes proveñen de doce países distintos e están vinculados a diferentes ámbitos profesionais.
    A Escola consiste nun curso de terminoloxía e na oferta de seis talleres metodolóxicos e tecnolóxicos, impartidos polos profesores e colaboradores do grupo IULATERM.
    A conferencia inaugural, titulada "A terminoloxía científica: un ámbito de interese para a humanidade actual", foi impartida por Salvador Reguant, catedrático de Xeoloxía da Universitat de Barcelona, membro do Institut d’Estudis Catalans e presidente de ACATERM; a conferencia de clausura correu a cargo de Cecili Garriga, profesor de Filoloxía española da Universitat


Autònoma de Barcelona, e levou o título "Lingua e ciencia: a creación da terminoloxía química en español". A Escola de verán é unha actividade de formación da Rede Iberoamericana de Terminoloxía (RITerm).
      O núcleo do Simposio responde a un formato de seminario de discusión ó redor de diferentes relatorios convidados: Berta Gutiérrez da Universidad de Salamanca ("A medicina e a súa linguaxe: do mito ó logos"), Josep Lluís Barahona da Universitat de València ("Facer ciencia da saúde: coordenadas e incerteza") e Adolf Tobeña da Universitat Autònoma de Barcelona ("Os escollos da comunicación científica"). Compleméntase coa presentación das comunicacións seleccionadas e cunha mesa redonda.
    As actividades de verán de IULATERM reciben a axuda de AETER (Asociación Española de Terminología), ACATERM (Associació Catalana de Terminologia), o MCYT, o DURSI e o Departament de Traducció e Filologia da UPF. O Institut Universitari de Lingüística Aplicada ten previsto publicar os resultados do Simposio na súa serie Actividades.


Congreso Internacional sobre Internet e Linguaxe

    Os días 18, 19 e 20 de setembro do 2003 a Universitat Jaume I de Castelló organiza o primeiro congreso internacional sobre a Internet e a linguaxe.
    Este encontro pretende ser un foro de discusión para docentes e investigadores das áreas de literatura, lingüística teórica e aplicada, entre outras disciplinas, que están involucrados no uso e estudio da Internet.
    Neste congreso analizarase a Internet como ferramenta de traballo con fins didácticos e de investigación, ademais de estudiala como fenómeno lingüístico.


      O congreso repartiu os seus relatorios e paneis nos seguintes grupos de interese:

  • Internet e literatura
  • Internet e traducción
  • Internet e uso da linguaxe / lingüística y xéneros dixitais
  • Internet e linguaxe para fins específicos
  • Internet e aprendizaxe de linguas estranxeiras / adquisición dunha segunda lingua
Para máis información, pódese consultar o sitio web do congreso.

STAR Servicios Lingüísticos S.L.