STAR Servicios Lingüísticos, S.L.  
STARlette Boletín n.° 6 de STAR Servicios Lingüísticos, S.L.

Editorial Ferramentas para a tradución Nova formación Terminoloxía

Se desexa recibir este boletín nalgunha das linguas dispoñíbeis, prema no idioma para nos enviar unha mensaxe: español, catalán, galego ou éuscaro.
Se non desexa volver recibir este boletín, envíenos unha mensaxe coa palabra chave: borrar, e o seu enderezo de correo electrónico será eliminado da base de datos de STAR Servicios Lingüísticos. Se ten interese en coñecer máis información ao respecto, visite o noso comunicado sobre a nova LSSI-CE.
 
Se desexa que se publique algunha información relacionada coas tecnoloxías aplicadas á tradución e á terminoloxía técnica que sexan de utilidade para profesionais da lingua, tradutores, terminólogos, xestores de proxectos, administradores de axencias ou departamentos de tradución, redactores técnicos, profesores, estudantes, etc. envíe unha mensaxe a STAR I+D SL.

Moi breves 

Unión Latina convoca premio de tradución técnica
A Unión Latina, a Organización de Estados Iberoamericanos (OEI), o Instituto Cervantes, a Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales, a Fundación Española de Ciencia y Tecnología (FECYT) e a Federación de Gremios de Editores de España convocan a primeira edición do Premio Panhispánico de Tradución Especializada, auspiciado por numerosas escolas, facultades e asociacións profesionais da tradución. Premiaranse as mellores traducións ao español de obras ou ensaios procedentes de calquera país hispanofalante, publicadas e difundidas a partires do ano 2000 en calquera dos campos do saber científico, técnico e profesional. Para saber máis sobre as bases do concurso, pode enviar unha mensaxe a Daniel Prado ou visitar http://www.unilat.org/dtil/panhispanico/.

Novos cursos de informática, telecomunicacións, automoción e enxeñaría industrial
Star Servicios Lingüísticos convocou os novos cursos de coñecemento técnico en informática e telecomunicacións, entre outros, dirixidos a tradutores e terminólogos. Para máis información sobre as datas e o temario, consulte o apartado de formación da web de Star ou envíe unha mensaxe ao departamento de formación.

Publicación do novo número de Tradumática
Publicouse a edición número 2 da revista Tradumática. Despois dos monográficos centrados nas ferramentas de tradución asistida e na localización, a revista Tradumática faise eco da relevancia das técnicas documentais no eido da tradución.

Editorial

    Xa son moitos os profesionais da tradución que empregan ferramentas de tradución asistida. Estas ferramentas almacenan pares bilingües despois da súa correspondente tradución, xerando as xa popularmente coñecidas memorias de tradución. Estas memorias son almacéns compostos de textos orixinais nunha lingua alineados coa súa tradución noutra e esta definición coincide coa definición de corpus paralelo. Un corpus permítenos ante todo explorar unha grande cantidade de texto e identificar patróns comúns que sería imposíbel capturar mediante unha análise manual. Se este corpus conta ademais con equivalencias noutros idiomas, supón unha ferramenta de incalculábel valor no eido da tradución. Tanto é así, que os corpus paralelos poden considerarse recursos lingüísticos dun valor incluso superior aos dicionarios. Neste sentido presentamos algúns dos proxectos de corpus paralelo que xa se poden consultar en liña. Desta maneira quixéramos espertar o interese de todo aquel profesional da tradución que aínda non saiba das utilidades destes repositorios e recordarlle que estes instrumentos son recursos que poden garantir a calidade das traducións.


    Neste número, ademais de presentarlles os novos estudos orientais baseados na adquisición de competencia lingüística en chinés, coreano e xaponés, cunha orientación ante todo económica, tamén lles resumimos o resultado do Premio Internacional de Terminoloxía.

    Comité de redación:


Corpus paralelos

Corpus CLUVI,
ferramenta para a tradución en galego

     O CLUVI (Corpus Lingüístico da Universidade de Vigo) é un corpus textual de rexistros especializados de lingua galega contemporánea oral e escrita, elaborado polo SLI (Seminario de Lingüística Informática). No seu estado actual de desenvolvemento, os textos da sección escrita do CLUVI pertencen a catro rexistros especializados dos ámbitos xurídico-administrativo, xornalístico, informático e literario, e a tres combinacións lingüísticas co galego (monolingüe galego, tradución galego-castelán e tradución inglés-galego), e posúen unha extensión total aproximada de 4 millóns de palabras. Desde setembro de 2003, o SLI ofrece a posibilidade de consultar na web a sección de corpus paralelos do CLUVI, formada polo corpus TECTRA de textos literarios inglés-galego, o corpus LEGA de textos xurídico-administrativos galego-castelán e outros corpus paralelos menores para os pares de linguas inglés-portugués, portugués-español, inglés-español e francés-galego.


    A consulta faise a través dunha interfaz web deseñada polo SLI. Esta utilidade permite facer buscas simples e complexas (con comodíns) de palabras ailladas ou de secuencias de palabras, e observar as equivalencias bilingües dos termos pescudados nos seus contextos de uso en traducións reais e documentadas. O número de obras aliñadas e os pares de linguas dispoñíbeis na páxina web aumentan con regularidade, xa que o CLUVI é un proxecto académico de investigación en curso de grande vitalidade.

    Para máis información sobre o CLUVI escriba a Xavier Gómez Guinovart ou consulte na web do Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.




BancTrad:
interfaz de acceso a corpus paralelos vía Internet

    BancTrad é un proxecto con fins didácticos no contorno concreto da tradución e da lingüística en xeral que está sendo elaborado polo seminario de lingüística computacional da Universitat Pompeu Fabra no marco do programa de innovación docente. Trátase dunha ferramenta composta por un banco de tradución formado por textos orixinais coa súa correspondente tradución e unha interfaz de procura de acceso a través de Internet. BancTrad ofrece a posibilidade de consultar recursos recollidos en catalán, español, inglés, alemán e francés. Os textos almacenados son de diferentes fontes que representan unha gran variedade de ámbitos temáticos, tipos de documentos e rexistros de lingua.
    Posto que se accede a textos orixinais e a traducións reais, o tradutor profesional pode aplicar esta ferramenta como fonte de recursos, averiguando se xa existen traducións para determinados elementos de procura e para comprobar a fonte do autor da tradución.


    BancTrad posibilita aos seus usuarios tres modos diferentes de acceso aos corpus:

  • Modo básico: procuras por secuencias de formas específicas de palabras coa posibilidade de capturar a tradución equivalente na súa lingua ou linguas de chegada
  • Modo intermedio: procuras mediante filtros de forma, lema, notación morfosintácta e función sintáctica
  • Modo avanzado: procuras mediante expresións regulares fornecidas pola ferramenta de explotación do corpus, a chamada CQP (Corpus Query Processor), desenvolvida na Universidade de Stuttgart no marco do proxecto CWB

    Para máis información sobre BancTrad escriba a Carme Colominas.



Outros corpus en liña
  • CRATER: corpus paralelo sobre telecomunicacións en inglés, español e francés
  • Corpus LEGEBIDUN: corpus paralelo éuscaro-español de textos xurídico-administrativos desenvolvido polo grupo DELI que lidera Joseba Abaitua da Deustuko Unibertsitatea
  • Corpus do IULA: corpus en español, catalán, inglés, francés e alemán de textos non equivalentes
  • Corpus CREA: corpus do español actual
  • Corpus CORDE: corpus histórico do español
  • Corpus PDL (Institut d’Estudis Catalans): corpus do catalán

Nova formación

Estudos de economía e linguas orientais (chinés, coreano e xaponés) en Barcelona e Madrid



     Este curso académico (2003-2004) comezou a nova licenciatura de segundo ciclo en Estudos de Asia Oriental, que ofrece de forma conxunta a Facultat de Traducció i d’Interpretació da Universitat Autònoma de Barcelona e a Facultat d’Humanitats da Universitat Pompeu Fabra. Asimismo, tamén se imparte na Universidad Autónoma de Madrid. Os obxectivos docentes da nova licenciatura son proporcionar a formación necesaria sobre as estruturas sociais, económicas e políticas, así como sobre os costumes, crenzas, ideoloxías, linguas e culturas da área de Asia Oriental, e preténdese que os alumnos adquiran o nivel lingüístico na lingua do seu itinerario correspondente ao nivel básico oficial de China, Xapón ou Corea.

    Estes novos estudos están relacionados co chamado Plan Marco Asia-Pacífico, froito do incipiente interese mostrado polo goberno español nos últimos tres anos. 

      

    Dentro deste plan inclúense entidades como a Fundación ICO (Instituto de Crédito Oficial), que publicou o Programa de Bolsas para Asia-Pacífico, e a Casa d’Àsia, que ten o obxectivo de contribuír a un maior coñecemento entre os países de Asia e Cataluña; por outra banda, fai xa anos que diversas empresas catalás dispoñen de sucursais en China, promovidas polo Consorci de Promoció Comercial de Catalunya (COPCA), adscrito ao Departament de Treball, Indústria, Comerç i Turisme da Generalitat de Catalunya.

    Polo tanto, se ben inda quedan anos para que a situación académica se equipare á do resto de países europeos no tocante ao ensino da lingua, da cultura e da tradución do chinés, o xaponés ou o coreano, si que cada vez máis se abre o abano de recursos dispoñíbeis e prevese, aínda que sexa máis por razóns económicas que por intereses culturais, que o número de expertos sobre Asia Oriental aumente nos vindeiros anos.


Terminoloxía: Premio Internacional

Judit Freixa (IULA/UPF), Premio Internacional de Terminoloxía

    O pasado luns 28 de xullo fíxose entrega do Premio Internacional de Terminoloxía 2003. A galardoada co premio foi a Dra. Judit Freixa pola súa tese La variación terminológica: análisis de la variación denominativa en textos del área de medio ambiente.

    A doutora Judit Freixa é investigadora do grupo IULATERM (grupo de investigación en terminoloxía do Institut Universitari de Lingüística Aplicada, IULA, dirixido pola doutora M. Teresa Cabré) e é tamén profesora de terminoloxía na Facultat de Tradució e Interpretació da Universitat Pompeu Fabra.

    O Premio Internacional de Terminoloxía ou ITA (International Terminology Award) concédese cada dous anos ao mellor traballo en investigación teórica ou aplicada no eido da terminoloxía. O premio estabeleceuse co obxectivo de promover a investigación e o desenvolvemento no antedito campo e para dar soporte a futuras actividades terminolóxicas.

    As teses son avaliadas polo International Terminology Awards Jury quen decide o gañador do premio tendo en conta o contido innovador dos traballos e a forma na que contribúen ao desenvolvemento teórico e aplicado da terminoloxía.

STAR Servicios Lingüísticos S.L.